Canal Rías Baixas

Vista Real continúa converténdose nun símbolo na loita contra a droga

VILANOVA> Hoxe conmemóranse o Día Internacional da Loita contra a Droga. Un día que cobra unha especial relevancia nas nosas comarcas, moi afectadas polo narcotráfico.

{flowplayer}images/salnes/MonumentoContraDroga.flv{/flowplayer}

O pazo de Vista Real, o que fora propiedade do clan Charlín e propiedade agora do Concello de Vilanova foi o lugar escollido para levantar este monumento que leva por nome “Galicia contra a Droga”. Con el este espazo conta cun símbolo máis desa loita de tantas e tantas familias do Salnés e de toda Galicia, contra o narcotráfico. É, ademais un chamamento a xuíces e fiscais para que continúen traballando.

O presidente da Fundación Galega contra o Narcotráfico fixo referencia tamén á necesidade de ofrecer alternativas de ocio para a xuventude, recordou a importancia da educación e asegurou que o camiño para rematar con esta lacra hai que percorrelo en equipo.

Así é que esta escultura, obra da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra, representa unha man, unha man de quen pide axuda e unha man que se tende para axudar. E é que en palabras de Carmen Avendaño, a fundadora de Érguete e un referente na loita das nais contra a droga, o camiño será longo.

 Pola súa banda, o alcalde de Vilanova, orgulloso de que o Pazo de Vista Real poida ser de novo propiedade dos veciños de Vilanova, fixo referencia a labor desenvolvida por tódolos veciños ó longo destes anos, unha labor que conseguiu facer perder o medo ós narcotraficantes e facer visible o problema.

Quen tampouco quixo desaproveitar a ocasión para amosar o seu apoio foi o Presidente da Deputación, Rafael Louzán, que mandou unha mensaxe de ánimo ás asociacións que traballan na loita contra a droga.

Unha vez inaugurado o monumento as autoridades fixeron unha visita polo Pazo.

Redacción Salnés

Exit mobile version