Canal Rías Baixas

Os pais da gardería de Dodro denuncian a escaseza de persoal

DODRO> Os pais da Escola Infantil de Dodro, integrada na Rede Galiña Azul da Xunta de Galicia, veñen de denunciar diversas irregularidades que se están a producir no centro. Entre outros aspectos sinalan que non se están a cumprir as ratios nin os horarios de apertura establecidas por lei debido fundamentalmente a falla de persoal. Segundo eles, todos estes factores están a poñer en serio risco a seguridade dos nenos que acoden diariamente á gardería, ó non poderen ser debidamente atendidos. Segundo sinalan os propios pais, a escola infantil de Dodro está a sufrir nos últimos anos unha serie de recortes no seu persoal que están afectar considerablemente ó servizo que se presta. Na actualidade acoden habitualmente ó centro uns 26 nenos, de idades comprendidas entre os cero e os tres anos, dispoñendo unicamente de dúas coidadoras, que apenas poden atender ós cativos. Ademais da falla de persoal, os pais denuncian tamén que se incumpre o horario establecido por lei e que non se está a prestar tampouco o servizo de comedor e cociña. Toda unha serie de deficiencias que está a provocar una desmotivación nas familias que optan por matricularse noutras garderías públicas existentes en concellos veciños ou mesmo acudir ás privadas para poder atender as súas necesidades. Fartos desta situación os pais están a levar a cabo unha serie de accións de cara a que se atendan as súas solicitudes. Xa remitiron escritos á consellería de Política Social, ó Consorcio Galego de Benestar e ó propio Concello denunciando a súa situación. Tamén están a levar a cabo unha recollida de sinaturas e non descartan outro tipo de medidas máis drásticas se non se atenden as súas peticións. Ante as denuncias formuladas polos pais dos alumnos, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar quixo aclarar que o centro cumpre coas ratios legais xa que conta con dúas mestras, unha educadora e un encargado de mantemento e limpeza. Trátase do mesmo número de traballadores que noutras escolas da rede pública cun horario máis amplo como é o caso de Covelo, Zas, Campo Lameiro ou Cerdedo. A gardería de Dodro conta cun horario de sete horas, entre as oito e media e as tres e media, por non existir demanda suficiente que xustifque a apertura en horario de tarde. Aclaran, dende o consorcio, que na convocatoria de matrícula extraordinaria de decembro, que permanece aberta, recibiron a solicitude de seis novos alumnos polo que está prevista a apertura dunha nova unidade e o incremento de persoal. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/12decembro/11/protesta_pais_garderia_dodro1112151.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/12decembro/11/protesta_pais_garderia_dodro111215.mp4{/flowplayer}

Exit mobile version