Canal Rías Baixas

Uns oitocentos maiores participaron no xantar en Outes

OUTES> A cita, que dende hai máis de vinte anos organiza o departamento de Servizos Sociais, celebrouse nunha carpa instalada na praza do bosque. Risas, anédotas e sobre todo moita diversión. Así foi como viviron este pasado sábado os maiores outenses a súa festa. Unha cita que dende hai máis de vinte anos organiza o Concello da man do departamento de Servizos Sociais. Como é xa tradición o xantar desenvolveuse na praza do Bosque, baixo unha carpa instalada para a ocasión. Na comida, que se encargou de sevir a empresa Veloso, tomaron parte unhas oitocentas persoas que puideron degustar empanada, polbo á feira, carne ó caldeiro e diferentes postres e licores. Non faltou á cita a alcaldesa, Beatriz Molinos, nin tampouco boa parte do equipo de goberno que coa súa presenza quixeron destacar e agradecer o traballo e o esforzo realizado por este importate colectivo do municipio, moi activo sempre con todas e cada unha das actividades que organizan dende o Concello. A cita, ademais de ser un momento moi especial para eles, serve tamén para que os maiores poidan aproveitar para intercambiar impresións cos membros do equipo de goberno e trasladarlle de paso as súas preocupacións e demandas. Como non podía ser doutro xeito a festa rematou con música e baile para todos. De seguro que moitos dos asistentes xa a botan de menos e pensan xa na vindeira edición.

Exit mobile version