Canal Rías Baixas

Ribeira acollerá este sábado o Campionato Galego Absoluto de Taekwondo

RIBEIRA> Na proba tomarán parte os mellores taekwondistas galegos que agardan poder obter praza para o Nacional. O pavillón municipal da Fieiteira converterase este sábado pola mañá no centro de tódalas miradas para os afeccionados ó taekwondo coa disputa do Campionato Galego Absoluto. A cita está organizada polo club anfitrión, o Natural Sport e a Federación Galega de Taekwondo, e conta coa colaboración do propio Concello. No campionato tomarán parte un total de 25 clubs, ó redor de cento vinte loitadores, que competirán en distintos pesos e categorías. Del sairán ademais os representantes galegos que acudirán ó nacional. O club anfitrión participará neste torneo con varios loitadores, agardando facer un bo papel e repetir os éxitos acadados en anos anteriores, aínda que nesta ocasión non van de favoritos. Dende o executivo local destacaron a importancia que ten para a localidade o feito de poder acoller este tipo de probas, animando ós veciños a acudir ese día ó pavillón municipal. Aproveitarase este campionato para dedicalo tamén ó rexeitamento da violencia de xénero.

Exit mobile version