Canal Rías Baixas

O PP advirte da ‘deriva’ e a ‘decadencia’ da Festa do Albariño

O PP advirte da 'deriva' e a 'decadencia' da Festa do Albariño

CAMBADOS> A visión do Partido Popular da festa foi menos optimista que a ofrecida polo executivo. Para o voceiro Luis Aragunde, a Festa do Albariño vai á deriva, e non está ao nivel que acada o sector vitivinícola.

Un dos principais ataques que lanzou Aragunde ao goberno, foi a presenza de botellón durante a celebración. Algo que, asegura, fai que o viño e a súa promoción queden nun segundo plano.

Tampouco gustou a xestión que fixo o executivo do horario de peche das casetas. Segundo Luis Aragunde, mentres o edil de Cambados Pode, que se amosara abertamente crítico a esta limitación, facía chegar unha circular dando permiso aos stands para pechar máis aló das 3 da madrugada, a alcaldesa emendaba ao seu compañeiro de goberno e fixaba a baixada de persiana nesta hora, acordada co Consello Regulador.

O voceiro popular tamén puxo sobre a mesa as tensións entre o goberno de Cambados e o Capítulo Serenísimo. Desta volta, Luis Aragunde denunciou o boicot que, presuntamente, realizaría o cuatripartito ao evento organizado no Pazo de Fefiñáns. Tampouco gustou que o equipo de goberno organizara unha recepción oficial á escritora Nélida Piñón, nomeada Dona do Albariño.

Estas tensións co Capítulo Serenísimo e a falta de artistas internacionais no cartel de concertos da Festa do Albariño son, para Aragunde, dous grandes erros deste equipo de goberno.

O operativo de limpeza foi das poucas cosas sobre as que Aragunde amosou a súa conformidade. De feito, recoñeceu certas melloras nos últimos dous anos.

 

Exit mobile version