PONTEVEDRA> A reforma das piscinas de Campolongo podería comezar en abril. Este venres o concello reunirase ca empresa adxudicataria para planificar a intervención e establecer a data de inicio. Mentres, os técnicos municipais revisan o proxecto presentado.
O plan de obras para a reforma das piscinas de Campolongo da un paso máis esta semana coa reunión de traballo entre o concello de Pontevedra e a adxudicataria do proxecto, Serviocio-Be One.
Na xuntanza, convocada para o venres, establecerase a planificación e calendario dos traballos. A intención é realizar o groso da intervención no verán, polo que as obras deberían comezar en abril. Preténdese afectar o menos posible a traballadores e usuarios.
De maneira simultánea, os técnicos municipais están a revisar o proxecto presentado pola adxudicataria.
O contrato para a reforma foi asinado o pasado mes de setembro. Contempla a ampliación do espazo deportivo, que pasará de 3.800 a 5.700 metros cadrados e o aumento de salas de activades, que pasarán de 4 a 9.
O proxecto presenta unha reforma total das instalacións, conservando unicamente o espazo do vaso. Abrirase a planta baixa e a zona de recepción do edificio cara ó paseo que está ó lado da igrexa de San Xosé e incorporará un segundo andar con pistas polideportivas.
A empresa ofrecerá un maior número de actividades deportivas e incorporará novos servizos de ludoteca e expertos en nutrición na área de fisioterapia, co obxectivo de incrementar o número de usuarios. As tarifas reduciranse un 2,5% e ampliaranse os horarios de apertura.
As obras teñen un prazo de execución de 6 meses e un orzamento de algo máis de 5 millóns de euros.