Canal Rías Baixas

Rutas ornitolóxicas para desestacionalizar o turismo nas Rías Baixas

PONTEVEDRA> “Voando nas Rías Baixas”, un programa de rutas ornitolóxicas gratuítas, é unha das iniciativas cas que se pretende desestacionalizar o turismo en Pontevedra. Estenderase dende xaneiro ata xuño e porá en valor o patrimonio medioambiental da provincia.

“Voando nas Rías Baixas” celebrará a súa segunda edición ó longo do 2019 para promover os recursos naturais da provincia de Pontevedra, así coma para apostar por un desenvolvemento turístico e económico sostible en zonas de alto valor ecolóxico.

A iniciativa, impulsada pola Deputación en colaboración con SEO Birdlife, enmárcase no seo das propostas lanzadas ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo para internacionalizar e desestacionalizar o destino provincia de Pontevedra.

Debido ó éxito da edición pasada, na que se esgotaron as prazas para participar, este ano haberá dúas rutas máis.

O coordinador de SEO Birdlife na provincia de Pontevedra, Gustavo Ferreiro, destacou o turismo ornitolóxico coma un excelente reclamo para iniciar á xente no goce da natureza.

A primeira ruta terá lugar o 20 de xaneiro no Esteiro do Río Miño. As seguintes serán o 10 de febreiro, 3 de marzo, 19 de maio e 16 de xuño. Os interesados terán que inscribirse a través dun formulario habilitado na web da Deputación nas semanas previas a cada una das rutas. Durante a actividade, os participantes estarán acompañados de ornitólogos e terán á súa disposición de xeito gratuíto o material óptico, así como unha guía.

Exit mobile version