Canal Rías Baixas

Zona Aberta, ‘moderadamente satisfeita’ coa campaña de rebaixas en Vilagarcía

VILAGARCIA> Estamos metidos de cheo na tempada de rebaixas. En Vilagarcía, o pequeno comercio resiste o temporal con grandes descontos. Dende o sector explican que a campaña non está indo de todo mal, aínda que recoñecen que podería ir mellor.

Ao mal tempo, rebaixas e máis rebaixas. En Vilagarcía, o pequeno comercio local tenta seducir ó público con destacados descontos. No sector, amósanse moderadamente satisfeitos coa campaña. Recoñecen que as vendas poderían ir mellor. Con todo, explican que estas rebaixas están a funcionar mellor que as de anos anteriores.

Dende Zona Aberta indican que as rebaixas non están sendo tan boas como desexaban, pero que non os colle por sorpresa. O problema: a liberalización do sector. O que piden dende o colectivo de comerciantes vilagarcián é que se acorte e se limite no tempo o período de rebaixas. Unha demanda que comparten a meirande parte das tendas. Porque sen ese control, o pequeno comercio pouco pode facer contra as grandes empresas multinacionais. Outro problema co que se atopan, tamén en rebaixas, son as vendas das grandes plataformas a través da internet.

Ante este contexto, as tendas de toda a vida apostan por xoga-las súas cartas dando aquilo que os xigantes non poden ofrecer: un trato próximo e directo co cliente. A pesar deste panorama complexo, hai un factor que si está a sorrir ás tendas de Vilagarcía. Neste inverno o tempo acompaña.

O período de rebaixas en Zona Aberta prolongarase aínda unhas cantas semanas máis.

Exit mobile version