Canal Rías Baixas

Case 150.000 documentos do arquivo histórico de Pontevedra xa están dixitalizados

PONTEVEDRA> O arquivo histórico do concello de Pontevedra xa é máis accesible á cidadanía. O goberno local botou man da Plataforma ATOPO da Deputación provincial para dixitalizar os seus fondos documentais, sumándose a practicamente todos os demais municipios da provincia. Son case 150.000 documentos, a gran maioría de acceso totalmente público.

O concello de Pontevedra avanza na dixitalización do seu arquivo histórico. Máis de 150.000 documentos e imaxes dos fondos municipais estarán dispoñibles no portal ‘AtoPO’ da Deputación provincial.

A gran maioría desta documentación xa é accesible á cidadanía. Son actas plenarias, documentos administrativos e tamén fotografías, dende 1834 a 2004.

Os documentos dixitalizados proceden do arquivo municipal, pero integran fondos de diferentes orixes, como os dos antigos concellos de Pontesampaio, Xeve ou Salcedo.

Chama a atención especialmente o arquivo fotográfico. Son 2.200 fotografías que recollen eventos da historia da cidade dende o 1949 ata o 1995. A gran maioría xa están accesibles dende a plataforma ATOPO.

O organismo provincial manexa a día de hoxe no seu Arquivo 2,2 millóns de referencias de toda a provincia. Só o concello de Vigo non subiu aínda ningunha documentación á plataforma.

Exit mobile version