Canal Rías Baixas

“Vai de peixe” chega a Pontevedra para fomentar o consumo de produtos do mar entre a mocidade

PONTEVEDRA> Impulsar o consumo de produtos de mar e da acuicultura entre a xuventude. Ese é o obxectivo principal de “Vai de peixe”. Unha campaña da Xunta de Galicia que hoxe aterrou no campus de Pontevedra.

Que beneficios ten o consumo dos produtos do mar? Como cociñar peixe de maneira rápida e sinxela? A estas e outras preguntas trataron de dar resposta neste camión. “Vai de peixe” chegou hoxe ao campus de Pontevedra para fomentar, entre a mocidade, o consumo de produtos do mar e da acuicultura. Unha campaña da Xunta de Galicia que trata de acabar con algúns mitos que existen arredor do peixe.

A cociñeira Mayte Fernández foi a encargada de achegar a todos os estudantes pontevedreses diferentes receitas. Os produtos protagonistas de hoxe foron o mexillón e a merluza.

Varios estudos confirman que os coñecidos como Millennials ou como Xeración Z non se alimentan correctamente. Hoxe todos eles saíron de aquí coa lección ben aprendida.

O camión de “Vai de peixe” percorrerá nos vindeiros días o resto de campus galegos. Ademais, as redes sociais xogarán tamén un papel importante á hora de difundir información de produtos pesqueiros e tratar de achegar receitas sinxelas e adaptadas ao estilo de vida da xeración millennial.

Exit mobile version