Canal Rías Baixas

O marisqueo arousán avanza na súa desescalada: Rañeir@s Ría de Arousa volveron faenar

A ILLA> O sector do marisqueo arousán continúa coa súa particular desescalada. Se o luns e o martes foron as mariscadoras de a pé as que volveron ao traballo, hoxe saíu faenar a frota de a flote da asociación Rañeir@s Ría de Arousa. Ao igual que as súas compañeiras, fixérono cos copos reducidos para non saturar o mercado, e con medidas de seguridade para evitar os contaxios.

O marisqueo avanza para recuperar pouco a pouco a normalidade. O luns e o martes comezaron a traballar as mariscadoras de a pé en Vilanova, O Grove, Cambados e A Illa. Hoxe foi a quenda da frota de a flote que forma parte da asociación Rañeir@s Ría de Arousa.

Ao igual que as mariscadoras, as embarcacións traballaron con copos moi reducidos: oito quilos por mariñeiro a bordo. Tamén aplicaron medidas de seguridade para evitar os posibles contaxios.

O seu regreso á actividade prodúcese nun contexto de incertidume. O sector aínda non coñece as axudas ás que terá acceso, pero teñen claro qeu non poden permitirse perder mercado.

Os rañeiros volverán saír faenar mañá. O venres está previsto que a asociación manteña unha reunión telemática cos depuradores para volver valorar a situación e planificar así o traballo da vindeira semana.

Exit mobile version