Canal Rías Baixas

A situación epidemiolóxica leva a Pontevedra a suspender a Feira Franca

PONTEVEDRA> Pontevedra non celebrará a tradicional Feira Franca. Unha semana máis tarde de que o Concello anunciase a cancelación das comidas de particulares, o goberno municipal adoptou hoxe a decisión de suspender definitivamente todos os actos relativos a esta festa. Deste xeito, a hostalería deberá traballar como calquera outro sábado de verán e non haberá decoración nin pasarrúas.

A crise da Covid lévase por diante a Feira Franca. Ante o aumento de casos activos de coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, o Concello decidiu hoxe suspender, definitivamente, esta tradicional festa de verán.

O goberno municipal tratou de buscar nas últimas semanas diferentes posibilidades para adaptar esta celebración á nova normalidade. De feito, o Concello chegou a anunciar que si habería decoración pola cidade e pasarrúas. Porén, co obxectivo de evitar algún tipo de confusión entre a cidadanía, a decisión definitiva foi suspender todas as actividades.

En canto á hostalería, todos os locais deberán traballar como un sábado máis, tendo en conta as restricións establecidas polo Goberno do Estado.

Este ano, a Boa Vila non vivirá momentos coma estes e aos pontevedreses non lles quedará outra que gardar a súa vestimenta no armario. Pero se algo está claro é que en 2021, a Feira Franca volverá a Pontevedra e o fará con máis ganas ca nunca.

Exit mobile version