Canal Rías Baixas

Amicos presenta o seu calendario solidario para 2021

BOIRO> Como é costume, o calendario está protagonizado polos propios usuarios da asociación. Son eles os que lle poñen cara ó novo ano. O calendario xa está a venda nos diferentes concellos da comarca.

A asociación Amicos presentou esta mañá na sede da patronal boirense unha nova edición do seu calendario solidario. É xa un habitual por estas datas. O calendario volve a estar protagonizado polos propios usuarios da entidade, persoas con algún tipo de diversidade intelectual, que pretenden demostrar que a pesar das dificultades, entre elas a covid, seguen a loitar pola súa integración.

Precisamente todo o recadado este ano coa venda dos calendarios irá destinado á adquisición de EPI’s contra a covid.

Como en anos anteriores os calendarios estarán á venda en diferentes puntos dos concellos da comarca. O prezo será de cinco euros para o tamaño máis pequeno e sete para o grande.

Para levar adiante o seu proxecto contaron coa colaboración de Lesmes Fotógrafos, de Ribeira. Eles foron de novo os encargados de realizar as fotografías do calendario. Ademais dende Amicos quixeron agradecer tamén a axuda prestada por numerosas empresas da comarca que tamén colaboraron con eles, e que fixeron posible que un ano máis o seu calendario puidese ver a luz.

 

Exit mobile version