Canal Rías Baixas

Pontevedra plantexa botar man dos encoros do río Lérez para garantir o abastecemento en caso de emerxencia

PONTEVEDRA> Nova reunión dos concellos que se abastecen do río Lérez para avaliar a situación de seca. No encontro, no que tamén participou a directora de Augas de Galicia, a concelleira do Ciclo da Auga de Pontevedra presentou os últimos datos. Segundo os rexistros de Pontevedra, o Lérez tivo un comportamento bastante estable na última semana. Pero o nivel de prealerta mantense, e dende o goberno local xa plantexan alternativas para situacións de emerxencia. Unha das propostas: aproveitar a auga acumulada polos seis encoros que hai ao longo do río.

Os concellos que se abastecen do Lérez e Augas de Galicia volveron analizar este mediodía a situación do río polos efectos da seca. Segundo os datos que manexa o concello de Pontevedra, nos últimos días o caudal mantívose estable.

Iso si, seguimos en situación de prealerta. Por iso o goberno local estuda posibles alternativas para garantir o abastecemento se a situación empeorara. Hoxe presentaron unha proposta, que pasa por botar man da auga acumulada polos seis encoros que se reparten polo río, cinco hidroeléctricos e un de ENCE. Actualmente almacenan case 420.000 metros cúbicos de auga.

Tamén pensando nunha situación de emerxencia, o concello está a elaborar unha listaxe de consumidores vulnerables, aqueles que non poden ver afectado o seu abastecemento de auga. É o caso, por exemplo, de hospitais ou residencias.

Ademais, os servizos técnicos do concello están a estudar aos grandes consumidores de auga, como industrias e hoteis, para informalos da situación e recomendarlles certas medidas que contribúan a reducir o consumo.

Exit mobile version