Canal Rías Baixas

‘Os Palleiros’ busca a dúas mulleres que abandonaron de madrugada un can ás portas do refuxio

PONTEVEDRA> A protectora de animais Os Palleiros de Pontevedra denuncia un novo episodio de abandono. As cámaras do refuxio captaron como na madrugada do 2 de xaneiro dúas persoas deixaban atado ás portas das instalacións un can. No vídeo tamén se ve como, tras marchar o coche, o animal consegue soltarse e marcha e todo apunta a que despois morreu atropelado preto da protectora. Os Palleiros xa trasladou as imaxes á Policía Local para intentar localizar ás persoas do vídeo, que serían responsables dun delito de abandono animal.

O 2022 non comezou con bo pé na protectora de animais Os Palleiros de Pontevedra. Na madrugada do 2 de xaneiro, as cámaras de seguridade do refuxio gravaron un novo caso de abandono animal ás portas das súas instalacións.

No vídeo vése como as dúas mulleres marchan e deixan o can atrás. Pero o animal tarda pouco máis de cinco minutos en soltarse e desaparecer da imaxe.

Todo apunta a que o final do can foi tráxico. Ás 6 e media da mañá, a protectora recibiu a través das redes sociais o aviso dun animal morto atropelado, localizado na beiravía da estrada de Vilagarcía, preto das instalacións do refuxio. A súa descrición encaixa co que se pode ver no vídeo.

Cubas lamenta que esta non é a primeira vez que viven un episodio deste tipo. Aínda que noutras ocasións o can non conseguiu fuxir e si puido ser rescatado pola protectora.

Tras revisar as cámaras de seguridade, Os Palleiros xa puxo o caso en coñecemento da Policía Local para tratar de identificar ás responsables deste novo caso de abandono.

Os Palleiros fai un chamamento a través das redes sociais e dos medios de comunicación para intentar localizar algún indicio que os axude a dar coas persoas que, tal e como se ve no vídeo, abandonaron ao can e se deron á fuga.

Exit mobile version