Canal Rías Baixas

Noia, Outes e Muros principais incógnitas para este 28-M

NOIA> Noia, coma cabeceira de comarca, centrou boa parte da nosa atención para este inicio de campaña.

Con puntualidade británica, incluso antes das doce da noite, hora do inicio oficial da mesmaa, os membros das distintas candidaturas fóronse posicionando nos lugares habilitados polo Concello para realizar o acto oficial de pegada de carteis.

Catro dos cinco grupos elixiron a céntrica alameda. Todos aspiran a mellorar os resultados de 2019.

O PP, liderado por Santiago Freire, intentará seguir mantendo a alcaldía para os populares. Todo pasa por conseguir a ansiada maioría absoluta, para non ter que volver a revalidar o pacto de goberno cos Noieses Independentes Agrupados de Marisol Villar.

O acordo antóllase, en principio, improbable, atendendo ás desavinzas existentes nos últimos anos entre os dous grupos. Pero en política nada se sabe…

Na esquerda a Marea e o BNG repiten candidato. Manolo Seijas agarda poder liderar o cambio. Por terceira ocasión repetirá á fronte da formación, que contou coa representación de dous edís na corporación saínte.

No BNG, Ricardo Suárez, volve a encabezar a lista dos nacionalistas, que aspiran a mellorar os resultados de 2019, onde acadaron un concelleiro.

A incógnita está no Partido Socialista. Á fronte da candidatura, Fran Pérez, que dá o salto á política despois de presidir durante anos a asociación de empresarios Noia Histórica. En 2019 acadaron 5 actas de edís. Se mellora estes resultados podería liderar o cambio en Noia, a través de posibles pactos con outras formacións progresistas.

Máis claro parece estar o escenario en Muros, Lousame e Porto do Son. Principalmente nestes dous últimos concellos, onde o PP se mantén forte dende hai anos. En Porto do Son con Luís Oujo, alcalde dende 2011, que aspira a unha nova maioría absoluta.

O PSOE presenta novo candidato, Jorge Romero; mentres que o BNG, repetirá con Balbino González.

En Lousame Teresa Villaverde, alcaldesa dende 2012, intentará manter tamén a maioría absoluta. O BNG de Anxo Moledo, e o PSOE de Ana Domínguez, intentarán mellorar os seus resultados de 2019.

En Muros, o PP de Inés Monteagudo aspira tamén a seguir á fronte do Concello catro anos máis. En fronte o BNG e o Partido Socialista, formación nas que repiten como candidatas María Lago e Caridad González, respectivamente. Neste Concello, aparece un novo grupo político, Muros Centrado de Manuel Lago, aínda que a súa presenza na futura corporación parece complicada.

En Outes, o actual alcalde, Manuel González, pretende revalidar o bastón de mando. Tratarán de impedirllo, dous novos candidatos, Anxo Núñez polo BNG, e Fran Calo polo Partido Popular. A outra opción de cambio neste Concello é o PSOE que optou por repetir con José Antonio Caamaño.

Exit mobile version