CORPORATIVO > O xoves 6 de xullo de 2006 ó Consello da Xunta de Galicia aprobou a adxudicación de concesións administrativas para a televisión dixital local en Galicia. TeleSalnés-Barbanza acadou dúas desas licencias de televisión dixital local. Deste xeito remata a situación de inseguridade xurídica na que se atopaban as televisións locais en Galicia. Algunhas a partires de agora contan coa súa respectiva licencia para exercer legalmente unha actividade que, no caso de TeleSalnés-Barbanza, comezou hai xa 12 anos.
A adxudicación de dúas licencias de televisión dixital local a TeleSalnés- Barbanza representa o recoñecemento do goberno galego (PSdeG-Psoe / BNG) a 12 anos de traballo continuado. En total esta canle conseguiu dúas de tres licencias solicitadas. Unha para a demarcación do Salnés e Caldas e outra para o Barbanza, zonas que dende hai anos forman parte da nosa cobertura diaria, e onde fomos pioneiros.
A concesión destas licencias pecha un longo periodo de alegalidade que comezaba o seu final hai xustamente un ano. O un de xuño de 2.005 o director de TeleSalnés-Barbanza, Joaquín Barreiro, presentaba na sede da Xunta de Galicia, en Santiago de Compostela, toda a documentación necesaria para optar a tres licencias de televisión dixital local que sacaba a concurso o anterior goberno galego. Finalmente o anterior goberno (PP) non tivo tempo suficiente de aproba-las licencias e o cambio de goberno na Xunta retrasou a decisión case un ano. Este xoves producíase a esperada noticia que representa unha nova esperanzadora para esta canle, consolidada no panorama audiovisual galego.
A historia de TeleSalnés-Barbanza remóntase a 1994 , nese ano constituíase a empresa e uns días despois comezaban as emisións. Dende entón pasaron 12 anos, nos que esta canle non deixou xamais de funcionar. Un duro traballo que conseguiu consolidar a TeleSalnés- Barbanza como a televisión local de referencia no seu ámbito de cobertura.
Hoxe en día, TeleSalnés-Barbanza conta con máis de 20 traballadores repartidos nas súas dúas sedes. A do Salnés, que está en Ribadumia, e a do Barbanza, que se sitúa na Pobra do Caramiñal. O investimento en instalacións e equipamentos técnicos en ambas delegacións supera os 600 mil euros. Ademais, segundo Sofres, a nosa programación é seguida por unha audiencia diaria cercana ás cen mil persoas e temos unha audiencia media mensual de 278 mil telespectadores, que seguen a actualidade dos seus concellos a través dos distintos programas que se emiten dende esta canle.
Así o recoñeceron fai un ano os distintos gobernos municipais do noso entorno. A maioría manifestaron, a través dun acordo tomado polas xuntas de goberno, o seu recoñecemento á labor informativa levada a cabo por TeleSalnés-Barbanza dende o 94. Entre os concellos que aprobaron este acordo están Cambados, Poio, Barro, Caldas de Reis, O Grove, Pontecesures, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Pontecesures, Ribadumia ou Vilanova. Outros, como Sanxenxo, levaron o acordo a pleno, en forma de moción conxunta de tódolos grupos que a aprobaron por unanimidade. Agora, a Xunta de Galicia (PSdeG-Psoe / BNG) ven de recoñecer, ó igual que fixeran no seu día os concellos, esta traxectoria e o gran esforzo realizado ó longo de 12 anos e decidiu concedernos dúas licencias que nos permitirán continuar ofrecéndolles, cada día, a información mais cercana e a consolidación dun proxecto empresarial feito por e para vostedes.
MELLORAS; Esta nova etapa continuará cos cambios introducidos hai algúns meses precisamente para adaptarse á nova era dixital. Dende un novo plató para os informativos ata a unificación da información que antes se dividía por comarcas. Ademais da mellora tecnolóxica. Cambios que terán continuidade nun futuro próximo co fin de chegar cada día mellor ós seus fogares. Co fin de adecuarse á nova era dixital, TeleSalnés-Barbanza modernizaba a principios de ano o seu plató de As Novas do Día, introducindo cambios visuais impactantes. Comezaba unha gran aposta audiovisual que supuña un novo concepto de información e tamén unha gran innovación tecnolóxica: Ademais estreamos nova imaxe, con novas cabeceiras e sintonías. Pero tamén un novo criterio informativo ó reunir no mesmo espazo a información de tódalas comarcas que abarcamos de xeito que a audiencia se interesara por un área xeográfica global.
Coa concesión das dúas novas licencias poderemos continuar esta liña informativa e seguir consolidándonos como unha das televisións locais máis seguidas do panorama audiovisual galego, tal como indica o Estudio General de Medios e tamén continuar o camiño cara a Televisión Dixital Terrestre, que será unha realidade a partir do 2008.
Sobre a decisión do Consello da Xunta, TeleSalnés-Barbanza lamenta que televisións locais históricas en Galicia como Televisión de Ferrol, Telecoruña ou Televigo non conseguiran a adxudicación dunha licencia. A esta lista súmanse outras televisións de recente creación como Televisión Barbanza que iniciaron a súa emisión de forma ilegal e que en aplicación da lexislacion estatal vixente, ó non obte-la licencia, terán que deixar de emitir en breve.
A consecución das dúas concesións nos habilita para continuar emitindo en analóxico, tecnoloxía pola que nos ven actualmente. Pero ademais de TeleSalnés-Barbanza, na comarca do Salnés tamén conseguiron licencia, Lérez Canal 29 e Editorial La Capital. Na demarcación do Barbanza lle foron concedidas, ademais de a TeleSalnés-Barbanza, á Editorial Compostela e a Multimedia Comunicaciones… E na demarcación de Pontevedra teñen licencia Faro de Vigo, Lérez Canal 29, e Televisión Pontevedra.
Para TeleSalnés-Barbanza esta nova situación xurídica reafirma o noso compromiso de continuidade e de seguir sendo a canle das nosas xentes, a que lles conta a realidade máis cercana e a que escoita ós protagonistas do día a día nas Rías Baixas. Un compromiso coa información local clara, obxectiva e plural onde nos preocupa o que pasa ó noso carón e onde todo o mundo ten cabida.
AGRADECEMENTOS> Porque de ben nacidos é ser agradecidos, nós tamén o queremos ser, e por iso neste intre de ledicia dende TeleSalnés- Barbanza, queremos darlle as grazas a todos vostedes , telespectadores, pola confianza que cada día depositan en nós e que nos permitiron chegar ata aquí. Tamén queremos da-las grazas a aquelas institucións municipais e provinciais, e ós seus lexítimos representantes que creron e apostaron por nós. Grazas tamén ó goberno galego pola confianza depositada en Tele Salnés -Barbanza e, sobre todo, grazas ós centos de empresas privadas e clientes que dende 1994 nos dan o osíxeno imprescindible para levar a bo porto esta nave. GRAZAS.
Redacción Salnés