Canal Rías Baixas estrea esta noite a súa programación electoral, con 34 debates en horario de máxima audiencia

CANAL RÍAS BAIXAS> A programación especial de Canal Rías Baixas con motivo das eleccións municipais do vindeiro 26 de maio está a piques de comezar. A cadea puxo en marcha unha cobertura electoral sen precedentes para dar resposta ás demandas informativas de todos os municipios das comarcas de Pontevedra, O Salnés, O Barbanza, Muros-Noia e o Sar.

En total, vanse organizar 34 debates electorais por municipios dentro do formato ‘Contrastes’ que presenta Dani García. Máis de 130 candidatos e candidatas están chamados a participar. Todos os programas serán emitidos en horario de máxima audiencia, a partir das 22:15 horas.

O primeiro dos debates vaise emitir hoxe, 10 de abril. Dodro é o municipio convidado. Á cita confirmaron asistencia os catro candidatos que optan a facerse coa alcaldía da localidade. Un día despois, o xoves, será a quenda dos candidatos e candidatas do Concello de Pontecesures. O venres, tocaralle aos de Portas.

Programa especial 
Para poñer o broche final á ampla cobertura electoral, Canal Rías Baixas emitirá na noite do 26 de maio un programa especial en directo. No espazo farase un seguemento, minuto a minuto, do avance do escrutinio de todos os concellos da contorna e analizaranse os datos, da man de diferentes convidados.