O ‘Especial Noiteboa’ acende o Nadal de Canal Rías Baixas

CANAL RÍAS BAIXAS> Todo a punto para o Especial Noiteboa 2020 de Canal Rías Baixas. O xoves 24 de decembro a partir das 22.30 horas, a cadea emitirá un programa cheo de propostas para gozar destas datas. Presentado por Dani García e Alba García Moledo, o espezo inclúe diferentes reportaxes cos concellos da contorna como protagonistas. Haberá paradas, por exemplo, na Aldea dos Nenos de Cambados, o Belén de Valga ou a tirolina de Nadal de Pontevedra.

Ademais, o programa emitirá gravacións elaboradas por diversos centros educativos, colectivos socias, residencias de anciáns e bandas de música para festexar este atípico Nadal.

O ‘Especial Noiteboa’ emitirase por Canal Rías Baixas, pero tamén se poderá seguir a través do Facebook e YouTube da televisión. A través das redes socias, poderanse enviar comentarios ou felicitacións de Nadal co cancelo #NoiteboaCRB.