Volve ‘Contrastes’ a Canal Rías Baixas, cun formato renovado e a participación da audiencia

CANAL RÍAS BAIXAS> O programa ‘Contrastes’ estrea nova tempada. Neste 2019, o espazo de debate e análise de Canal Rías Baixas presenta varias novidades. A primeira, o seu presentador: o xornalista Dani García será o encargado de dirixir e moderar os faladoiros.

O formato do programa tamén vivirá cambios. Nesta nova tempada, Canal Rías Baixas aposta por converter o ‘Contrastes’ nun espazo aínda máis plural. Ademais das habituais mesas redondas, o programa inclúe tamén entrevistas de actualidade e pequenas reportaxes. Isto vai permitir ao espectador ter unha perspectiva moito máis ampla da actualidade da contorna, dende un punto de vista múltiple e diverso.

A audiencia de Canal Rías Baixas tamén terá o seu espazo nesta nova etapa de ‘Contrastes’. Dende a súa casa, os espectadores poderán enviar ao programa as súas opinións ou denuncias a través de tres vías diferentes: mediante unha mensaxe de texto ou audio ao número de WhatsApp do programa (659 52 55 55), con comentarios nas redes sociais da cadea ou por correo, a contrastes@canalriasbaixas.com.

Nos faladoiros, como xa é habitual no ‘Contrastes’, participarán destacadas personaxes públicas das diferentes comarcas ás que Canal Rías Baixas ofrece a súa cobertura, así como xornalistas dos medios de comunicación de referencia na zona.

Unha das referencias informativas que centrará a atención de ‘Contrastes’ neste 2019 serán as eleccións municipais do vindeiro mes de maio. Como antesala a esa cita, a partir de abril, o programa mudará o seu formato para ofrecer máis dunha vintena de debates electorais por concellos. Neles, están chamados a participar os candidatos á alcaldía das formacións que acadaron representación nos comicios de 2015.

Radiografía ás Rías Baixas
O primeiro programa desta nova tempada de ‘Contrastes’ vaise emitir este mércores 20 de febreiro. O primeiro convidado en conversar con Dani García será David Castro, o alcalde de Ribadumia. O rexedor actúa de anfitrión, xa que nesta tempada o programa volverá emitirse dende o Auditorio Municipal da localidade. Trala entrevista co alcalde, terá lugar unha mesa redonda na que participarán varios xornalistas de referencia dos medios de comunicación da zona. Eles serán os encargados de facer unha radiografía da situación política e social das Rías Baixas, xusto na conta atrás para a sucesión de campañas electorais e comicios.