RIBADUMIA> A orientación laboral é unha necesidade dos cidadáns que non pasa desapercibida en Ribadumia. A recente incorporación dunha orientadora laboral, hai que sumarlle agora a IV Xornada de Emprego de Ribadumia, onde teñen cabida, os que buscan emprego, os que queren emprender ou aqueles que buscan mellorar certos aspectos en materia laboral, entre outros.
Quedar sen traballo, non atopar un novo emprego ou non saber por onde emprender un negocio, son tan só algunhas das preocupacións coas que un cidadán se atopará nalgún momento da súa vida. O concello de Ribadumia incide un ano máis nunha das principais preocupacións da cidadanía; o traballo, mediante a organización da IV Xornada de Emprego da vila. Un evento ao que este venres asistiron unhas 50 persoas.
Esta xornada tivo lugar dende a primeira hora da mañá e durou ata as dúas da tarde. Alí os asistentes puideron solucionar diferentes dúbidas laborais e mesmo escoitar os consellos de especialistas en Recursos Humanos ou empresas de traballo temporal.
Ademais anunciouse a dispoñibilidade da Oficina de Orientación Laboral a que pode acudir calquera veciño do concello buscando asesoramento.
Unha única xornada de emprego, pero moi aproveitada, na que se falou de emprego e discapacidade, das TIC, de recursos persoais e moitos aspectos máis, que sen dúbida serán de gran valor para os asistentes, e que se verán reforzados co servizo de Orientación Laboral dispoñible no concello de Ribadumia.