A Xunta instala en Sálvora o primeiro ‘hotel’ para insectos

RIBEIRA> A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá a illa de Sálvora para coñecer de primeira man o ‘hotel de insectos’ construído neste enclave do Parque Nacional. Trátase dunha iniciativa pioneira que foi posible grazas á colaboración coa asociación Amicos.

A construción deste primeiro ‘hotel’ para insectos e tamén para aves na illa de Sálvora ten coma principal finalidade preservar o seu ecoistema. Trátase dun habitáculo, construído a partir de materiais naturais e de refugallo, que servirá de lugar de cría e hibernación para especies propias deste arquipélago que forma parte do parque Nacional das Illas Atlánticas. O ‘hotel’ foi inaugurado oficialmente esta mañá en Sálvora pola conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, polo alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz, e un grupo de voluntarios da asociación Amicos, entidade encargada da súa construción.

A titular de Medio Ambiente explicou ademais que a intención da Xunta non é outra que estender o proxecto ó resto das Illas Atlánticas para conservar a súa riqueza insectívora e dar a coñecer a importancia destes organismos como pezas indispensables para manter a biodiversidade destes espazos naturais

A Conselleira aproveitou a súa visita a Sálvora para coñecer tamén o resultado dos traballos realizados recentemente na Illa e que supuxeron un investimento duns 150 mil euros por parte do seu departamento. Así referiuse á reparación e mantemento de dous hórreos, á restauración dunha fonte ou ós traballos para a eliminación de especies invasoras e desbroce de camiños. Traballos estes últimos nos que colaborou tamén Amicos.