O Bazar de Oujo, Fresas e Papalarpadas gañan o concurso de decoración de Artemar

RIBEIRA> O concello de Ribeira entregou os premios ós establecementos gañadores do concurso de escaparatismo Artemar. O Bazar de Oujo, Papalarpadas e a froitería Fresas foron os tres locais que contaron con máis votos do público.

Como cada ano, o concello de Ribeira convoca un concurso de escaparatismo durante a celebración da Feira Artemar co fin de que os locais comerciais e hostaleiros participen tamén deste evento con decoración mariñeira integrándose cos postos do mercado artesán.

O concelleiro de Turismo fixo entrega esta mañá dos premios ós propietarios dos tres establecementos máis votados: a tenda de doces Papalarpadas, a froitería Fresas e o Bazar de Oujo que, por segundo ano consecutivo, acadou o recoñecemento do público.

Dende o concello destacaron a alta participación dos comercios locais que un ano máis se sumaron a esta iniciativa contribuíndo a facer de Artemar unha feira cada vez máis exitosa.