Néganse a pagar as taxas a Portos por un deficiente servizo no peirao

PORTO DO SON> A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, mantivo unha reunión cos membros da confraría de pescadores de Portosín para analizar o estado do proceso de reordenación dos atraques no peirao. A titular do ente autonómico aproveitou a visita para abordar tamén diferentes demandas trasladadas polo sector.

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, visitaba o peirao de Portosín para manter unha reunión cos representantes da confraría de pescadores e abordar con eles o proceso de reordenación dos atraques e parcelas que está a realizar o ente autonómico neste porto. A xuntanza serviu tamén para aclarar posturas entre ambas partes, unha vez que Portos anunciou que a partir do primeiro de outubro comezaría a cobrar pola ocupación do espazo público portuario empregado por cada barco para o depósito das redes. Un feito que indignou ós armadores, ó entender que non podían pagar por un servizo que non se daba axeitadamente.

Dende Portos entenden que este proceso de delimitación de zonas supón a ocupación dun espazo público e a prestación dun servizo, polo que lle son de aplicación as tarifas recollidas na lei de taxas de Galicia. Unha vez rematada a ordenación do peirao de Portosín, os armadores e profesionais do mar beneficiarios deberán aboar as tarifas correspondentes ó igual que ocorre no resto de portos autonómicos da comunidade.

O encontro coa titular de Portos serviu tamén para que os representantes da confraría de Portosín lle trasladaran outras demandas, entre as que se atopa o estado das obras dos novos pantaláns, na actualidade paralizadas debido a un problema coa empresa construtora…ou a construción da tan ansiada nave de redeiras. Un proxecto que segundo o propio alcalde, Luís Oujo, habería que retomar en breve.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí