Memoria Histórica e o BNG recuperarán a figura de dous ribeirenses represaliados

RIBEIRA> A colaboración entre a Comisión pola Recuperación Histórica do Barbanza e o BNG de Ribeira permitirá poñer en valor a dous ribeirense represaliados durante a ditadura. Ademais de elaborar publicacións sobre a figura de Enrique Fernández Sendón e Vicente López Novo e promoverán unha serie de recoñecementos para dar a coñecer a súa historia tras anos silenciados.

Enrique Fernández Sendón naceu en Ribeira en 1909 no seo dunha familia acomodada. A súa traxectoria vital levouno a formarse e exercer como xornalista en Madrid onde se relacionou con ilustres persoeiros da cultura durante a República. Trala Guerra Civil foi detido e enviado a un campo de concentración do que saíu en 1940 para volver a Ribeira coa súa familia, marcada polo fusilamento do seu irmán Manuel.

A outra figura que busca enxalzar a comisión é a de Vicente López Novo, alcumado Rufino, sindicalista que acabou por integrarse nunha agrupación guerrilleira que operaba na clandestinidade. Foi capturado e abatido en 1948. Sospeitase que os seus restos permanecen na foxa común de Teo cuxa escavación comezará este mes.

Ademais de publicar documentación histórica sobre a contribución destes dous ribeirenses á loita pola liberdade e os dereitos humanos, a Comisión promoverá outros recoñecementos como o nomeamento de rúas ou a reedición dun libro sobre Fernández Sendón. O BNG colaborará con este e outras iniciativas similares en aras de seguir dando cumprimento á Lei da Memoria Histórica.