As amas de Casa de Ribeira desenvolverán un amplo programa de actividades este Nadal

RIBEIRA> As amas de Casa de Ribeira organizan durante este Nadal unha serie de propostas festivas e solidarias para toda a cidadanía. Ademais do seu tradicional festival que se celebrará o 27 de decembro, poñerán en marcha un mercado solidario de libros así como unha recepción dos Reis Magos.

O sábado 27 de decembro, o auditorio de Ribeira acollerá unha nova edición do Festival de Nadal das Amas de Casa coa actuación dos grupos As Silvarveiras, As Garridiñas e o taller de Baile Alecrín.

O festival é tan só unha das numerosas actividades que organiza a entidade nestas datas. Os días 22 e 29 de decembro desenvolverán na praza do concello un mercado solidario de libros de segunda man en beneficio de Asanog.

Como colofón, o día 4 de xaneiro os Reis Magos pasarán polo local da asociación para recibir ós nenos nunha tarde festiva acompañada dunha chocolatada e reparto de larpeiradas. Será a antesala á cabalgata de Reis prevista para o día 5 polas rúas de Ribeira.