O concello da Pobra cede material informático ós alumnos que o precisen

POBRA> Á espera de coñecer se se retomarán as clases presenciais, tal e como propón a Xunta, os estudantes seguen o curso de xeito virtual. Para reducir a fenda dixital e achegar contidos ós alumnos de todo o municipio, o concello da Pobra procedeu ó préstamo de equipos informáticos e adaptadores con acceso a internet.

A suspensión das clases e o traslado do curso escolar á rede puxo de manifesto a fenda dixital existente en moitos concellos nos que alumnos carecían de acceso a internet.

Dende o primeiro momento, o concello da Pobra e os centros educativos traballaron en conxunto para garantir a igualdade de oportunidades entre tódolos alumnos. Colexios e institutos puxeron á súa disposición os equipos informáticos. Dado que resultaban insuficientes, o concello cedeu tamén doce ordenadores portátiles e vinte e sete tarxetas de datos para facilitar o acceso a internet.

Dende o concello quixeron destacar o labor do profesorado nestas tarefas, posto que contactaron con tódalas familias para coñecer de primeira man as súas necesidades para poder seguir o curso online.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí