Desartellada en Boiro unha organización criminal dedicada ó tráfico de drogas

BOIRO> Oito detidos no marco da operación ‘Copito de Neve’ desenvolvida pola Garda Civil de Boiro. O instituto armado dá así por desartellada unha organización criminal dedicada ó tráfico de drogas na comarca.

A Garda Civil de Boiro desartellou unha organización dedicada ó tráfico de drogas coa detención de oito veciños da localidade no marco da operación ‘Copito de Neve’- a investigación iniciouse a principios do pasado verán tras ter coñecemento os axentes da existencia de varios puntos de venda de estupefacientes que desataron a alarma de veciños e residentes nestes barrios.

As pescudas levadas a cabo pola Garda Civil permitiron identificar ós compoñentes da organización, seis homes e dúas mulleres, todos eles veciños de Boiro.

Tras contar con autorización xudicial, os axentes levaron o cabo os rexistros en catro domicilios nos que acharon gran cantidade de droga, tanto cocaína e heroína como haxix e marihuana, así como útiles para a súa preparación e venda, diversa munición e máis de dous mil euros en efectivo.

A Garda Civil procedeu entón á detención dos oito implicados, acusados dun delito de tráfico de drogas e outro de pertenza a grupo criminal. Xa foron postos a disposición do Xulgado de Primeira Instancia de Ribeira que decretou o ingreso en prisión do líder da organización.