Mexillón de Galicia gaña a batalla legal

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/03marzo/16/sentenza_mexillon_galicia.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/03marzo/16/sentenza_mexillon_galicia.mp4{/flowplayer}

 

VILAGARCÍA> A Audiencia de Pontevedra dá a razón ao Consello Regulador do Mexillón de Galicia. O tribunal rexeitou o recurso da conserveira Javimar, que en xullo de 2015 fora condenado polo Xulgado Mercantil por competencia desleal. Nos seus envases, a empresa facía mencións como “das Rías Galegas” ou “envasado en Galicia” sobre a orixe do bivalvo, cando o produto non contaba coa certificación da Denominación de Orixe.

O Mexillón de Galicia gaña a súa batalla legal contra a conserveira Javimar, con sé en Ribadumia. A Audiencia Provincial de Pontevedra ven de rexeitar o recurso da empresa, que en xullo de 2015 fora condenada por competencia desleal.

O caso iniciouse en outubro de 2014, cunha demanda da Denominación de Orixe Protexida ao detectar que a conserveira usaba nos seus envases de mexillón mencións como “das Rías Galegas”, “elaborado en Galicia” ou “envasado en Galicia” para referirse á orixe do produto. Segundo explicou Mexillón de Galicia, o bivalvo non contaba coa súa certificación.

O fallo da Audiencia ratifica o do Xulgado Mercantil, e obriga a Javimar a retirar do mercado todos os envases, material publicitario ou calquera outro documento no que consten as frases. Tamén terán que pagar unha sanción de 15 mil euros por danos e prexuízos.

A sentenza é firme e crea xurisprudencia, o que, segundo Mexillón de Galicia, comporta unha maior seguridade xurídica para os consumidores.