RIBEIRA> O concello de Ribeira vén de incorporar o seu segundo punto limpo móbil destinado á recollida de residuos domésticos no centro urbano. Este novo equipamento, que se suma ó que xa presta servizo nas parroquias, supuxo un investimento próximo ós 15 mil euros financiados con cargo ós fondos FEDER.
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, recepcionaba o novo punto limpo móbil que vén de adquirir o concello para a recollida de residuos domésticos no centro urbano. O servizo está dividido en oito fraccións, destinadas a distintos tipos de residuos especiais. É totalmente accesible e está dotado con pictogramas. Conta ademais cun sistema antivandálico e pintura antigrafitis.
Este equipamento súmase ó que xa está a prestar servizo polas distintas parroquias. O concello reforza así a súa aposta pola reciclaxe e o medio ambiente como amosan outras campañas que xa ten en marcha a administración pública para mellorar a recollida do residuo téxtil e a compostaxe doméstica.
A adquisición deste punto limpo móbil, valorado en preto de 15 mil euros, foi posible grazas a unha subvención da Consellería de Medio Ambiente a través de fondos FEDER.











