RIBEIRA> O presidente da Deputación da Coruña visitou o concello de Ribeira para supervisar algunhas das obras financiadas pola administración provincial no municipio. Acompañado pola alcaldesa, María Sampedro, desprazouse ata a estrada DP-7304 na que o ente provincial investiu máis de 450 mil euros.
A primeira parada do presidente da Deputación da Coruña na súa visita a Ribeira foi a casa do concello onde foi recibido pola alcaldesa e demais membros da corporación municipal. Alí mantiveron un encontro para analizar algunhas das actuacións executadas ó longo deste ano como a mellora integral da estrada DP 7304 que discorre dende Xarás ata Olveira. Valentín González Formoso tivo ocasión de comprobar o estado en que quedou a vía que soporta un gran volume de tráfico.
A alcaldesa aproveitou a visita do presidente provincial para trasladarlle outras necesidades en materia de seguridade viaria como a mellora da estrada de Oleiros a Balteiro, actuación para a que xa obtivo o compromiso de execución por parte da Deputación.
Ademais deste compromiso, o presidente trasladou a última asignación dentro do Plan Único deste ano para que o concello poida asumir gastos, servizos ou acometer as obras que considere necesarias.
González Formoso lembrou que dende a posta en marcha do Plan Único a Deputación da Coruña leva investidos en Ribeira 31 millóns e medio de euros.
Trala visita institucional, o presidente da Deputación desprazouse ata o porto de Aguiño para manter un encontro con responsables da confraría. Valentín González Formoso tivo ocasión de embarcarse para coñecer as zonas de traballo dos mariscadores e asistiu tamén á poxa na primeira xornada da campaña do libre marisqueo.
O presidente provincial aproveitou a súa presenza en Ribeira para coñecer máis de preto o traballo da confraría de pescadores de Carreira e Aguiño. Tras reunirse co patrón maior e outros membros do cabildo, Valentín González Formoso embarcouse nunha lancha do pósito para coñecer as principais zonas de traballo así como as duras condicións nas que faenan percebeiros e mariscadores que aportan valor engadido ó produto.
González Formoso asistiu tamén á poxa celebrada na lonxa de Aguiño nesta primeira xornada de campaña do libre marisqueo.











