PONTEVEDRA> As traballadoras do servizo de limpeza de colexios públicos e instalacións deportivas municipais concentráronse hoxe ás portas do concello de Pontevedra. Fixérono para protestar polo despido de catro traballadoras por parte de Serveo, empresa adxudicataria. Dende o goberno local consideran fraudulenta a actuación da empresa e esixen a cancelación dos despedimentos. Se non se soluciona o conflito, as traballadoras irán á folga indefinida a partires do vindeiro luns 26.
‘Serveo culpable. Concello responsable’. Foi o cántico que marcou a primeira protesta das traballadoras do servizo de limpeza de colexios públicos e instalacións deportivas municipais de Pontevedra. Denuncian o despedimento de catro compañeiras no mesmo día no que Serveo, a nova adxudicataria, asumiu o contrato.
Dende a CIG reclaman a readmisión destas catro traballadoras que, temen, poderían non ser as únicas despedidas. Se non se reverte a situación, irán á folga indefinida o vindeiro luns 26 de outubro.
Durante a protesta desta mañá, as traballadoras tiveron ocasión de falar co alcalde de Pontevedra. Xa onte o goberno local trasladara que considera fraudulenta a actuación da empresa e esixía a cancelación dos despedimentos.
Pero polo de momento, o sindicato explica que non recibiron ningunha notificación oficial sobre as xestións do concello nin foron convocados a ningún encontro entre as partes. Así que CIG e traballadoras manteñen a convocatoria de folga.











