Preocupación entre os veciños da Ameixida ante a nova vaga de roubos

RIBEIRA> O pequeno núcleo da Ameixida, na parroquia ribeirense de Castiñeiras, está a ser durante as últimas semanas o obxectivo dos ladróns. Os veciños manifestan a súa preocupación ante a vaga de roubos en vivendas. Os últimos aconteceron esta fin de semana. Os intrusos accederon a un almacén nunha das propiedades situadas no paseo. Peor sorte sufriu a casa de Ramona. Tras acceder ó seu interior, os ladróns provocaron un incendio intencionado na sala de estar desta vivenda de verán que afortunadamente estaba baleira. Os danos foron moi cuantiosos. Polo momento, a Policía Nacional xa procedeu á detención dun delincuente habitual relacionados non só con estes feitos senón tamén con outros roubos cometidos en días anteriores na zona. Ademais de maior presenza policial, os veciños reclaman penas máis duras para os delincuentes posto que xa son reincindentes.