O Céltiga curta a racha de vitorias do Boiro

BOIRO> A xornada de onte domingo na Terceira deparou o derbi comarcal entre o Club Deportivo Boiro e o Céltiga. O trunfo foi finalmente para os ‘isleños’ por un gol a dous. Con gran presenza de afeccionados nas bancadas de Barraña, aproveitouse os prolegómenos ó inicio do encontro para renderlle unha homenaxe ó Club de Remo Cabo de Cruz, polos éxitos acadados ó longo da presente tempada, na que ademais está de aniversario, ó cumprirse corenta anos dende a súa fundación. Ademais de directivos de ambos clubs, no acto tamén tomou parte o alcalde, Xoán Xosé Dieste, así como representantes das principais firmas comerciais que patrocinan ó Club de Remo Cabo de Cruz. Tralo pitido inicial, os dous equipos fóronse a polo partido. Saíu máis enchufado o Cétiga, que aproveitou os erros na saída do balón do Boiro para crear as primeiras ocasións. Aínda non ían transcorridos cinco minutos de partido cando chegaba o primeiro tanto para os visitantes. Un auténtico golazo. Jacobo Millán fíxose cun balón en mediocampo, e de potente disparo, vendo que o guardameta local estaba adiantado, logra introducir o balón na portería, ante a sorpresa da grada e tamén do porteiro que non é quen de despexar o esférico. Era o cero a un no marcador. O Boiro debía remar de novo contracorrente, pero quedaba aínda moito tempo. Tocados polo gol, os xogadores boirenses fóronse a polo empate. Nunha boa combinación entre os homes de ataque chegaría o tanto local. E Foi Changui, quen senón, o encargado de poñer as táboas no marcador cando ían transcorridos vinte minutos de partido. A partir de aí chegaron os mellores momentos dos boirenses que dispuxeron das mellores ocasións para aumentar o seu casilleiro. Neste tempo producíronse tamén as xogadas máis polémicas que foron moi protestadas dende a bancada, con varios fóras de xogo rigurosos. Pero antes do descanso os ‘isleños’ volverían a adiantarse. Foi despois dun saque de esquina. Un balón prolongado ó segundo pau é rematado por Capi. Xa non había tempo para máis. Tralo descanso, os boirenses fóronse arriba, dispoñendo de numerosas ocasións para facer o empate. Pero esta vez non puido ser. E o marcador xa non se movería nos segundos 45 minutos. O Boiro deixaba unha boa oportunidade para engancharse de cheo ós postos de privilexio, vendo ademais truncada a súa xeira de últimos resultados, con tres vitorias seguidas. Na clasificación ocupan a oitava praza con trece puntos no seu haber. Na próxima xornada mediranse co Alondras.