Ribeira acolle unha mostra sobre a diversificación do oficio das redeiras

RIBEIRA> Xa se pode visitar en Ribeira a mostra ‘Enredadas’ da Fundación Artesanía de Galicia. Os directores xerais de Comercio e de Desenvolvemento Pesqueiro achegáronse esta mañá ata o mercado municipal para coñecer de primeira man os traballos realizados polas redeiras que apostan pola diversificación do seu oficio.

O primeiro andar do mercado de Ribeira acolle a mostra de fotografías ‘Enredadas’. Esta exposición, organizada pola Fundación Artesanía de Galicia en colaboración co concello, forma parte dun proxecto global que busca diversificar o oficio tradicional das redeiras.

As fotografías, realizadas por Miguel Vidal plasman o resultado dos cursos de formación nos que participaron redeiras de toda Galicia aplicando as súas técnicas de reparación de redes ó ámbito da moda e decoración de interiores.

Ademais de potenciar o valor social do oficio de redeiras, este proxecto aposta pola economía circular apoiando a comercialización de novos produtos elaborados de xeito artesanal e sostible.

A exposición poderá visitarse ata o 17 deste mes en horario de dez a dúas e de seis a nove.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí