RIBEIRA> A confraría de Ribeira volve solicitar a reordenación da zona portuaria. Piden que se restrinxa o acceso tan só para persoal autorizado e se prohiba estacionar nas zonas de traballo.
A pesar de que xa hai tempo que Portos de Galicia instalou paneis informativos e un sistema de restrición de acceso ó peirao comercial de Ribeira, o certo é que segue a ser utilizado por persoal alleo. Dende a confraría denuncian o exceso de vehículos que aparcan tanto no porto exterior como na zona dos pantaláns dificultando o traballo dos mariñeiros e mesmo deixando ós profesionais sen lugar para estacionar.
Ademais de retirada de vehículos, dende a confraría demandan unha reordenación dos usos portuarios para que as distintas flotas poidan compaxinar a súa actividade en condicións de seguridade e sen interferir unhas con outras.