RIBEIRA> O auditorio ribeirense foi escenario esta mañá do acto de clausura do programa formativo ‘Coworking Interritmos: emprendemento e música de raíz’ que se veu desenvolvendo dende o pasado mes de novembro baixo a organización da Fundación Paideia, a Asociación Deloa e a Escola de Organización Industrial.
Na proposta participaron uns vinte proxectos musicais de diferentes localidades galegas, que grazas a esta oportunidade tiveron tempo de formarse con sesións presenciais, online e titorías individuais con profesionais do sector.
Dende o Concello destacaron a importancia de poder acoller hoxe esta xornada de clausura, unha oportunidade única para poder disfrutar da creatividade e o talento musical emerxente en Galicia.
Entre as actividades programadas para a clausura, se cadra unha das máis destacadas, foi a emisión en directo do programa de radio ‘Hoy empieza todo’ en Radio 3, no que se presentou o tema grupal gravado por tódolos artistas participantes na formación, no que tamén colaborou o cantante Toñito de Poi.
O programa contou tamén coas actuacións de Ferla Megía, Catuxa Salom, Tanxugueiras ou Triángulo de Amor Bizarro entre outros convidados especiais.










