A Illa reforza a loita contra o furtivismo cunha embarcación única en Galicia

A ILLA> A Illa de Arousa conta, dende hoxe, cunha nova embarcación para loitar contra o furtivismo. O barco conta con modernos avances tecnolóxicos que incrementan a seguridade e habitabilidade a bordo, ó tempo que se reduce o consumo de combustible. A embarcación servirá, amais, para facer traballos de pesaxe e almacenaxe a bordo.

A confraría da Illa da Arousa dispón desde hoxe dunha nova embarcación para loitar contra o furtivismo. Custou 50.000 euros, a través dunha axuda de fondos europeos para a OPP 20.

O barco incorpórase á flota co que o pósito insular tenta protexe-las zonas marisqueiras. Ata hoxe contaban con dúas embarcacións. O que distingue a esta das anteriores son os seus avances tecnolóxicos.

A estas características de última xeración, hai que engadir que a embarcación permite tamén facer traballos de pesaxe e de almacenaxe a bordo.

No acto de botadura da embarcación, no varadoiro do Xufre, estivo presente a Conselleira do Mar. Rosa Quintana puxo en valor o traballo levado a cabo pola organización de produtores da Illa, a través da que se conseguiu xestiona-la axuda que permitiu facerse con este barco. A titular de Mar salientou que esta é a primeira embarcación destas características nas costas galegas.

A nova embarcación servirá para incrementa-la ofensiva contra o furtivismo. Unha actividade que, segundo explican dende a Confraría, é especialmente problemática nos bancos da contorna da Ponte e na zona sur da Illa.