GALICIA> A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), coa colaboración de Fundetec, convoca o ‘Primeiro Concurso ‘Faite Dixit@l!’ de Aplicacións para Móbil’. O certame, que se enmarca dentro da iniciativa de capacitación tecnolóxica Faite Dixit@l, busca recoñecer a creatividade na elaboración de ferramentas tecnolóxicas que melloren a dispoñibilidade de recursos para a cidadanía e fomentar o uso da tecnoloxía de código aberto. O concurso está aberto á participación de persoas físicas maiores de 18 anos, e a persoas autónomas, galegos ou con residencia na Comunidade Autónoma de Galicia, que deseñen e desenvolvan unha aplicación para uso en smartphone nos ámbitos educativo, social ou cultural, de lecer, deporte ou turismo. Ata o próximo 28 de novembro está aberto o prazo de presentación das aplicacións, que se poderá realizar seguindo as instrucións publicadas na páxina web www.faitedixital.es. O xurado, que se dará a coñecer antes do veredicto a través da web www.faitedixital.es, terá en conta para elixir o gañador do concurso a orixinalidade e innovación da aplicación, a súa usabilidade, o uso integrado doutros dispositivos do terminal, a solidez técnica da aplicación, a satisfacción a través do seu uso dunha necesidade social vinculada á materia elixida e a reutilización da información pública do portal Open Data da Xunta de Galicia, Abert@s. O gañador do concurso recibirá un computador portátil profesional Hewlett-Packard 2-en-1 convertible en tablet, cedido por Hewlett-Packard. Ademais, a criterio do xurado, serán entregados catro diplomas para recoñecer a calidade e utilidade das aplicacións presentadas: Negocio (mellor perspectiva de negocio dunha aplicación), Valor Social (maior utilidade dunha aplicación para a sociedade), Deseño (mellor deseño dunha aplicación) e Usabilidade (mellor uso e máis sinxelo manexo).
Inicio Galicia