RUEDA REÚNESE CO RESPONSABLE DE PESCA DA ARXENTINA

Arxentina> RUEDA REÚNESE CO RESPONSABLE DE PESCA DA ARXENTINA E CON EMPRESAS PESQUEIRAS GALEGAS PARA VISIBILIZAR E AFIANZAR A IMPORTANCIA DO SECTOR NO PAÍS.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo hoxe cadanseu encontro de traballo co subsecretario de Pesca da Nación, Juan Antonio López Cazorla, e con representantes das empresas pesqueiras de capital galego que traballan na Arxentina. O obxectivo de ambas reunións foi reforzar os lazos institucionais e económicos co país suramericano.

Durante o encontro con López Cazorla, no que estivo presente tamén o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, ambos mandatarios abordaron o impacto positivo que as compañías galegas pesqueiras teñen na Arxentina, así como a importancia de afianzar a alianza entre ambos países. Ao mesmo tempo, Rueda asegurou que o subsecretario de Pesca arxentino transmitiulle “tranquilidade” con respecto ao futuro das empresas no territorio.

Os representantes da Xunta mantiveron tamén unha xuntanza con membros das empresas pesqueiras de capital galego que traballan no país, na que estivo presente tamén a embaixadora de España en Arxentina, María Jesús Alonso. Durante esta reunión, o titular do Executivo galego interesouse polas demandas e necesidades das empresas, e comprometeu a colaboración, apoio e diálogo da Xunta para cun sector que xera uns 5.500 empregos na Arxentina.