A rapazada da Illa celebra Defuntiños na procura das ‘esmoliñas’ máis saborosas

A ILLA> Estamos a dous de novembro e na Illa de Arousa nenos e nenas botáronse á rúa para pedir ‘unha esmoliña  polos defuntiños que van alá’. Petando de porta en porta, veciños e comerciantes agasallaron ós pequenos con lambetadas e pan. Toda unha tradición que os maiores da vila recordan de toda a vida.

A lección está ben aprendida e non é para menos: a tradición de Defuntiños na Illa de Arousa é xa todo un ritual que vai pasando de xeración en xeración.

Petando nas portas e visitando os establecementos da vila. Os nenos e nenas da Arousa tiveron hoxe unha mañá moi atarefada, na procura das mellores lambetadas. E seica a dura xornada mereceu a pena.

Un dos puntos neurálxicos deste día dos Defuntiños son as panadarías da Illa. Nesta, por exemplo, agasallaron magdalenas. Nestoutra, hoxe repartiron uns 600 codechos de pan como este, nunha tradición, polo que nos contan, que vén de moi vello.

Como en todo, a tradición foi mudando cos anos, aínda que manteña a súa esencia. Cóntannos os maiores da Illa que antano para conseguir algunha lambeta antes había que rezar un chisco.

Nalgunhas portas, hoxe, aínda podíamos escoita-lo Noso Pai. É o caso da casa desta muller. Ela antes era das que ía pedir. Agora é das que dá. Pola súa casa pasaron esta mañá máis de 250 nenos e nenas.  Hoxe lembraba para nós como era o Defuntiños na súa infancia.

Unha tradición, como ven, que vén de lonxe e que ten aínda moito percorrido nas vindeiras xeracións.