GALICIA> A Consellería do Medio Rural e do Mar destina 10,3 millóns de euros a axudas para proxectos dos Grupos de Acción Costeira na convocatoria de 2014. O Diario Oficial de Galicia publica este martes a orde pola que se fixa o orzamento destas achegas. O prazo de presentación de solicitudes estivo aberto durante todo o período do programa operativo dende a posta en marcha dos GACs, sendo a data límite o 31 de marzo de 2014. Nesta última convocatoria deste período do Programa operativo 2007-2013 resolveranse os novos proxectos presentados ata esa data. Nesta convocatoria 2014 os GACs propuxeron un total de 138 novos proxectos. Dende a primeira convocatoria no ano 2010 foron concedidas axudas a 324 proxectos dos GACs e o importe total das axudas concedidas supera os 17,5 millóns de euros. A través destas axudas, cofinanciadas co Fondo Europeo da Pesca, búscase, entre outros aspectos, financiar proxectos de desenvolvemento que teñan como obxectivo consolidar a competitividade das zonas de pesca e reestruturar e reorientar as actividades económicas, en particular a través da promoción do turismo ecolóxico. Tamén diversificar actividades a través da promoción do labor dos pescadores, mediante a creación de empregos adicionais fóra do sector pesqueiro; ofrecer valor engadido aos produtos da pesca, protexer o ambiente nas zonas de pesca, restablecer a produción do sector pesqueiro afectado por catástrofes naturais ou industriais e promover a cooperación interrexional e transnacional entre grupos nas zonas de pesca, principalmente a través do establecemento de redes e a difusión de boas prácticas.
Inicio Galicia