As Amas de Casa de Ribeira incrementan a súa oferta formativa e de lecer

RIBEIRA> Nove meses despois de asumir as rendas da entidade, a directiva da asociación das Amas de Casa de Ribeira realiza un balance positivo da súa xestión. Ademais de incrementar o número de socios, tense ampliado a oferta formativa e de lecer.

As máis de duascentas novas altas dos últimos meses dan idea da boa saúde de que goza a asociación de amas de casa de Ribeira que se aproxima ós mil trescentos socios. Tanto é así, que xa se teñen incrementado o número actividades que oferta a asociación, con novos cursos de baile moderno, calceta ou o de conservas caseiras que se desenvolverá a próxima semana ou a formación musical en gaitas e tambores que pretende iniciar en xaneiro.

De cara ó mes de decembro son moitas as iniciativas que promoverá a asociación. Entre as máis destacadas, o xantar de confraternidade previsto para o día nove.

Os interesados en adquirir as entradas, valoradas en 35 euros, poden pasar a partir do luns polo local da asociación tódolos días en horario de mañá, de dez e media a unha, e os martes e xoves tamén de catro a oito. Alí tamén poderán mercar a lotaría de Nadal que a Asociación pon á venda co número 25390.