Fenosa comprométese a reubicar o transformador do CEIP Barcelos

PONTEVEDRA> Parece que finalmente o transformador do colexio Barcelos, que se incendiou na xornada de onte obrigando a desaloxar o centro, será reubicado por Fenosa. Tralo incidente sucedéronse as xuntanzas entre responsables do concello, da compañía eléctrica e do colexio, que rematan co compromiso por parte da subministradora de buscar outro lugar para o equipamento.

Pouco antes de finalizar as clases, na xornada de onte o transformador eléctrico situado no interior do recinto do colexio Barcelos, incendiábase como consecuencias de varias explosións. Os alumnos tiveron que ser desaloxados e a zona quedou sen subministración.

Os pais foron informados e os servizos de bombeiros e a policía local achegáronse para atender o incidente. Pasadas as 3 da tarde, tras unha primeira intervención dos técnicos, a subministración era restablecida e retirábanse os servizos de emerxencia. Horas máis tarde a empresa auxiliar de Fenosa intentaba acceder de novo ó recinto para cambiar o equipamento danado, momento en que pais e nais de alumnos do centro intentaron impedilo.

Amosaban así a súa oposición a que o transformador permaneza nas instalacións do colexio, despois de anos reclamando o seu traslado.

Tras conversas co alcalde e o delegado territorial de Fenosa e ante o compromiso destes de buscar unha solución, decidiron permitir o acceso ós técnicos.

Esta mañá continuaron as conversas e xuntanzas, que remataron co compromiso de facer o traslado do transformador. Entre as opcións que se barallan está a de aproveitar as obras de reforma urbana na rúa Rouco. Enseguida se iniciarán os trámites e estudos técnicos para reubicar a instalación.