Rueda destaca a importancia de seguir apostando pola FP e centros como o Carlos Oroza de Pontevedra

PONTEVEDRA> Esta mañá inaugurouse a terceira ampliación do centro de formación profesional Carlos Oroza de Pontevedra. Nun novo edificio de tres andares habilitáronse novas aulas ou un viveiro de empresas, entre outros novos equipamentos. O presidente da Xunta en funcións destacou a importancia de seguir apostando por estes centros, de onde saen os futuros profesionas do sector hosteleiro e turístico. Neste sentido, avanzou que as previsións turísticas para 2024 para Galicia son moi boas.

A terceira ampliación do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra executouse nun tempo récord. Esta mañá, o presidente da Xunta en funcións, xunto co Conselleiro de Educación e o presidente da Deputación, inauguraban estas novas instalacións. Cun investimento de 2,8 millóns de euros, o centro conta novos espazos, baseados nun novo edificio de tres plantas para aulas, un viveiro de empresas, unha zona administrativa e vestiarios.

Alfonso Rueda destacou a importancia de seguir apostando por este centro, referente na formación dos futuros profesionais das ramas de hostalería, gastronomía e turismo. Sectores que cada vez demandas profesionais máis competentes.

O presidente en funcións dixo que esta ampliación serve para o ‘dobre boom’ que vive en Galicia a FP e o turismo. Neste sentido, avanzou que as previsións para 2024 son ‘fantásticas’, con datos que apuntan á consolidación.

E lembrou que o turismo supón nestes momentos o 12% do PIB galego.