PONTEVEDRA> As farmacias de Pontevedra traballarán para dar visibilidade ao lipedema, o linfedema e á insuficiencia venosa. O Colexio de Farmacéuticos da provincia porá en marcha esta campaña pioneira da man de asociacións de pacientes que padecen estas patoloxías vasculares periféricas, a día de hoxe infradiagnosticadas e moi descoñecidas. O obxectivo é que estes profesionais poidan ofrecer información e asesoramento ás persoas, derivándoas ás asociacións correspondentes e visibilizando estas enfermidades.
Lipedema, linfedema e insuficiencia venosa. Non son enfermidades raras pero si amplamente descoñecidas non só a nivel de rúa, tamén no sistema sanitario. O Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra quere poñer o seu gran de area para mudar esta situación, traballando da man das asociacións de pacientes.
Estes carteis repartiranse polas farmacias pontevedresas. Tamén todo tipo de información sobre estas enfermidades sobre as que, ademais, os profesionais recibiron diferente formación especializada.
Alba González sabe do que fala. Padece lipedema, unha enfermidade recoñecida pola Organización Mundial da Saúde no 2018 pero que non aparece na clasificación internacional de enfermidades. Estas pacientes sofren tamén o machismo en cuestións sanitarias.
Para loitar contra esta estigmatización, dende as asociacións destacan a importancia da visibilización destas patoloxías.
Dende os colectivos insisten á hora de denunciar o desamparo de moitos dos pacientes con estas patoloxías ante a falta de atención e recursos no sistema sanitario público. Por iso, teñen que recorrer á sanidade privada, dificultando o acceso aos tratamentos necesarios.
Precisamente por seren patoloxías infradiagnosticadas, é difícil saber cantas persoas hai afectadas en Galicia ou en España. Así as cousas, calcúlase que entre as tres pode darse unha prevalencia de unha cada dúas persoas.











