PONTEVEDRA> Fumata branca en Pontevedra. O concello terá orzamentos para este ano 2025. Despois de dous meses de negociación, BNG e Partido Socialista conseguiron achegar posturas para dar forma a unhas contas que acadan os 98,6 millóns de euros. O acordo entre nacionalistas e socialistas ascende aos 4,1 millóns, repartidos nunha trintena de actuacións.
Tras dous meses de conversas, BNG e PSdeG acadaron o acordo que permite ao concello de Pontevedra ter orzamentos para este 2025. A intención é levalos a pleno na primeira quincena do mes de febreiro.
O orzamento total supera os 98,6 millóns de euros, o máis elevado da historia da cidade. Desta contía, 4,1 millóns corresponden a unha trintena de actuacións que se incluíron nas contas no marco deste acordo.
Entre as medidas acordadas, están a recuperación das ribeiras dos ríos Lérez, Verduxo e Gafos, o parque de Valdecorvos, a realización dun estudo para ampliar o solo industrial na cidade, contratar máis persoal para o servizo de Benestar Social ou máis cartos para o rural, para a conservación dos colexios e para as subvencións aos clubs deportivos.
O traslado da feira ambulante á Alameda ou a reapertura de Raíña Vitoria eran dúas cuestións que dificultaran ata o de agora o diálogo entre as dúas formacións. Sobre o primeiro tema, o goberno ten o compromiso de tramitar a futura ordenanza da venda ambulante. En canto ao segundo, o acordo recolle a realización dun estudo de mobilidade na zona de San Roque.
Así as cousas, as dúas formacións deixaron claro que non está sobre a mesa a formación dun goberno de coalición. Tamén que este acordo non supón un cheque en branco para o resto do mandato.











