O BNG aproba o orzamento 2019 ca anunciada abstención de PSOE e Marea

PONTEVEDRA> O pleno municipal aprobou hoxe en sesión ordinaria os orzamentos para o 2019. O BNG logrou sacar adiante o documento orixinal sometido a votación por medio do voto particular. A xa anunciada abstención de PSOE e Marea facilitaron o trámite ó goberno local.

Pontevedra contará, trala súa aprobación no pleno de hoxe, cun orzamento de 76,6 millóns de euros para o 2019.  O responsable de Facenda do concello cualificouno coma o mellor da historia da cidade e defendeu que é fortemente investidor.

O BNG sacou adiante a súa proposta a pesar dos 8 votos en contra de PP e Cidadáns, grazas a abstención do PSOE, co que chegou a acordos puntuais que se engadiron ó documento, e de Marea, que considerou esta postura a máis coherente coa súa actuación respecto dos orzamentos anteriores.

Aínda que a votación lle resultou favorable, o BNG tivo que escoitar as críticas de tódolos grupos políticos.

Cidadáns e Marea acusaron ó goberno local de repetir propostas de orzamentos anteriores que non se chegaron a executar.

Os socialistas criticaron a planificación fiscal e a “mellorable” política social, ademais de acusar ó BNG de maquillar o capítulo de investimentos.

O PP, pola súa banda, acusou a Lores de diferenciar entre pontevedreses ricos e pobres, e sentenciou que o orzamento presentado non contenta a ninguén.

O debate finalizaba hora e media despois do inicio do pleno coa aprobación do orzamento orixinal presentado por medio do voto particular, evitando así engadir as emendas de Cidadáns aprobadas en comisión grazas ó apoio de PP e Marea.