GALICIA> Se non o fixeron, aínda están a tempo de vacinarse contra a gripe. A Consellería de Sanidade conta con preto de 900 puntos de vacinación en toda Galicia para a campaña deste 2018. Ata o vindeiro 28 de decembro, a vacina da gripe estará dispoñible en calquera deles.
Ata o vindeiro 28 de decembro, a Consellería de Sanidade mantén aberta a campaña de vacinación contra a gripe este ano. O departamento autonómico adquiriu un total de 608 mil doses, 48 mil máis que a campaña do 2017. Este incremento supón tamén un maior investimento, ata superar os 2 millóns 100 mil euros.
Baixo o lema “Contaxia a túa enerxía e non a gripe”, na campaña deste ano destaca a utilización da vacina antigripal tetravalente, que se empregará en dous grupos de poboación: mulleres embarazadas e menores de 15 anos que presenten algunha condición de risco.
A vacina é totalmente gratuíta para as persoas de 60 ou máis anos, residentes en institucións pechadas de calquera idade, mulleres embarazadas e para persoas de entre 6 meses e 59 anos que presenten algún factor de risco. Tamén para os traballadores sanitarios e as persoas que desenvolven servizos esenciais para a comunidade.
O obxectivo da Xunta é acadar unha cobertura dun 35% nas persoas de 60 a 64 anos, dun 65% na poboación de 65 anos ou máis e superior ao 40 nos traballadores sanitarios do Sergas e nas embarazadas. Polo tanto, mellorar as cifras conseguidas o ano pasado, cando se superaron as 500 mil doses postas.
Durante a campaña, o Sergas conta con preto de 900 puntos de vacinación en toda Galicia.