Nace o Banco Farmacéutico de Galicia para custear os medicamentos a persoas sen recursos

PONTEVEDRA> Esta mañá foi presentada a Fundación Banco Farmacéutico de Galicia, que nace para facerse cargo do pago dos medicamentos das persoas sen recursos, en colaboración cos Servizos Sociais dos concellos.

O Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra acolleu na xornada de hoxe a presentación dunha nova fundación que se fará cargo do financiamento de medicamentos e tratamentos médicos das persoas en risco de exclusión social, que exentas ou non do copago farmacéutico non poden facer fronte os custes da medicación.

O ministerio de sanidade cifra en 2,1 millóns as persoas que non retiran os medicamentos prescritos por razóns económicas e segundo datos do CIS, uns 100.000 galegos non poden pagar as súas menciñas e deixan os tratamentos.

O Banco Farmacéutico de Galicia inicia a súa actividade cun fondo de 73.000 euros, recadados por medio de actos benéficos coma o torneo Manolo Martín e a achega de particulares e empresas. O obxectivo é alcanzar os 100.000 euros, para o que se recorrerá ó micromecenado.

Ademais de financiar o tratamento de persoas sen recursos, dende o Banco Farmacéutico de Galicia intentarase sensibilizar á poboación sobre o uso responsable dos medicamentos.

A fundación xa ten iniciado o contacto con concellos galegos, para financiar conxuntamente os medicamentos. Cada unha das partes achegaría o 50% do custe dos mesmos. En Pontevedra xa se comezaron os trámites para a colaboración.